Sunday 19 de May de 2024

A delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e o Concello ofrecen este domingo a primeira clase práctica do curso de reprodución apícola básica


A delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e mailo Concello están impartindo desde o pasada semana un curso de reprodución apícola básica que terá este domingo a súa primeira sesión práctica no colmear didáctico da Cortiña. Esta acción formativa é gratuíta para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e aínda ten prazas libres. As inscricións hai que facelas a través do correo dagaferrol@hotmail.com e para as prácticas do domingo será necesario estar na Casa da Xuventude ás 9.30h. e levar máscara e luvas de protección apícola.

Os obxectivos do curso son varios. Dunha banda facilitar coñecementos básicos teorico-prácticos sobre a cría e selección das raíñas e así mellorar a xenética das abellas. De outra, alcanzar un dominio mínimo das técnicas básicas de reprodución do colmear. Dous factores que, conxugados, permiten mellorar o manexo e a rendibilidade das explotacións gandeiras de abellas.

O programa inclúe os seguintes apartados: bioloxía e calendarios, enxamía, reprodución controlada, formación de núcleos, obtención de raíñas de calidade, colonias criadoras e métodos de cría e manexo complementarios.

A teoría impartirase na Casa da Xuventude, situada nun dos laterais da antiga casa consistorial, mentres que a práctica se desenvolverá no colmear didáctico da finca da Cortiña -ao pé da horta de froiteiras do país- e en apiarios particulares da zona que ofrezan condicións idóneas para abordar cada un dos temas tratados no curso.

O curso comezou o domingo 26 coa teoría, nun horario de 10 a 14.00h. O resto das xornadas e horarios de prácticas coordinaranse coas persoas participantes atendendo ás condicións do tempo. Segundo parece este domingo vai vir bo e por iso a delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura puxo a primeira sesión ao aire libre. O punto de encontro será de novo a Casa da Xuventude ás 9.30h. para repasar rapidamente a teoría e despois tirar para o colmear didáctico da Cortiña. Alí poderá verse como traballan varios enxames en plena produción e tamén se realizarán varias operacións relacionadas coa multiplicación das colonias. A práctica rematará sobre as 13.30h.

Esta acción formativa é gratuíta para a xente empadroada en San Sadurniño e Narón, mentres que o resto de participantes deberán aboar 50€ de inscrición. Ademais das clases teorico-prácticas, tamén se entregará documentación en formato dixital. Para obter máis información ou inscribirse é necesario enviar un correo a dagaferrol@hotmail.com